Fotógrafos

Home »  Fotógrafos

Balbino Ramírez Alonso:

Balbino Ramírez Alonso (Santo Estevo de Budiño, 23 de agosto de 1934), iniciou a súa carreira laboral como zapateiro, con tan só 9 anos, no negocio dun tío seu. Aos 15 anos, montou a súa propia zapatería na casa paterna. Xa dende este momento, comezou a compaxinar o seu traballo coa afección que logo se convertería na súa profesión, a fotografía. Deste xeito, entorno a 1950 comezou a súa aprendizaxe na Droguería “Don Álvaro” de Tui, onde durante dous anos realizou servizos relacionados coa fotografía coma o revelado.

Aos 18 anos, Balbino adquiriu a súa primeira cámara fotográfica, coa que comezaría a realizar traballos pola súa conta, especialmente en celebracións familiares e festas populares. Con 21 anos, viuse na obriga de trasladarse a A Coruña para realizar o servizo militar, onde exerceu como fotógrafo do seu rexemento, o que sen dúbida supuxo para el unha magnífica oportunidade para completar a súa formación, ao contar coa axuda de fotógrafos profesionais e coas instalacións do laboratorio fotográfico que se atopaba no cuartel. Durante este período, seguiu realizando traballos de fotógrafo ambulante na cidade herculina.

Tras finalizar a “mili” acadou o título de Fotógrafo Profesional en Pontevedra e no ano 1959 afiliouse por primeira vez no Sindicato de Papel, Prensa e Artes Gráficas como fotógrafo ambulante. Así, instalou o seu negocio en Salceda de Caselas. Tras pasar por varios locais de aluguer, en 1974 fixou o seu negocio no número 25 da rúa Doutor Zunzunegui, nun baixo da súa propiedade que continúa aberto a día de hoxe en mans de seu fillo.

Balbino Ramírez continuou traballando ata 1992. Aínda que nos últimos anos abandonara a súa condición de fotógrafo ambulante, especializándose máis na fotografía de estudio, na memoria colectiva de todos os salcedenses e veciños da contorna, quedará para sempre a súa imaxe de fotógrafo itinerante, que acudía aos máis destacados acontecementos sociais para capturar coa súa cámara os momentos máis senlleiros da nosa historia recente.


Fonte: Fátima Rodríguez Sío

 


 

Gonzalo Gutiérrez:

Nado en Zamora o 6 de xaneiro de 1833, Gonzalo Gutiérrez dedicouse á fotografía dende moi novo, ata asentarse en Tui, onde realizou a meirande parte da súa carreira artística.
Esta profesión víñalle xa de familia, xa que era fillo do polifacético, José Gutiérrez “Filuco”, gravador, pintor, escultor e un dos máis importantes fotógrafos do momento, que entre outras cousas, foi o encargado polo goberno francés para realizar as fotografías da Primeira Guerra Mundial. Por outra banda, tamén é preciso citar ao irmán de Gonzalo, Juan, quen foi fotógrafo da Casa Real.
O propio Gonzalo Gutiérrez, recibiu numerosos premios e recoñecementos polo seu traballo, especialmente polo realizado para o Centro Gallego de Buenos Aires.
Faleceu en Tui o 13 de febreiro de 1972, aos 89 anos de idade. A súa extensa obra artístico-fotográfica, consérvase hoxe en moitos fogares da contorna e agora tamén no Arquivo da Imaxe de Salceda.


 

Rosendo José Bugarín Menoyo:

Rosendo Bugarín, naceu en Tui o 10 de febreiro de 1867. Xa dende os 14 anos comezou a súa carreira no mundo da fotografía, sendo un dos pioneiros nesta profesión en Tui.
Traballou como socio do fotógrafo lucense Varela, baixo a firma “P. Varela y Cía” no Cantón de Diómedes 41. Foi tamén moi amigo do coñecido fotógrafo vigués, Pacheco.
Rosendo Bugarín tivo o seu estudio propio, primeiro no número 6 da rúa Colón e posteriormente no 39 da Martínez Padín.
Faleceu en Tui o 29 de xaneiro de 1941 a idade de 73 anos, se ben, temos a fortuna de conservar unha gran parte da súa obra que son un magnífico testemuño da cidade da Tui e das xentes e a historia da contorna.


Fonte: [Díptico:] Exposición Fotografía antigua de Tui. Homenaje a los fotógrafos tudenses Rosendo Bugarín y Gonzalo Gutierrez. Tui: Museo Diocesano de Tui, 26/03/1986-07/04/1986.

(Cedida por Suso Vila)