invert-default-slider-image

O AMIS (Arquivo Municipal da Imaxe de Salceda)

O AMIS (Arquivo Municipal da Imaxe de Salceda), que ve a luz agora, comezou a súa andaina xa no 2013, como unha iniciativa da Concellería de Cultura do Concello de Salceda de Caselas. Dende ese momento estamos a traballar na recuperación do valioso patrimonio fotográfico, documental e histórico que o Concello atesoura. O noso obxectivo é que estas mostras identitarias da nosa cultura e do noso pasado non se perdan e sexan accesibles para todos os salcedendes, quen son parte fundamental deste proxecto, xa que sen a activa colaboración que veciñanza leva demostrado, este propósito sería, sen ningunha dúbida, totalmente inviable. Esta páxina non é só unha plataforma para a visualización de fotografías, senón que pretendemos que sexa unha ferramenta primordial na creación dun Arquivo dinámico e construído entre todos e todas e para todos e todas, e que por suposto non está, nin moito menos, rematado. Cando comezamos a traballar nesta idea, non imaxinábamos chegar aos máis de 2500 fondos que hoxe xa temos dixitalizados e catalogados, pero agora que sabemos da cantidade de fotografías e documentos históricos de grande importancia que se atopan esquecidos nos caixóns e nos faiados dos fogares de Salceda, o que temos parécenos pouco, e queremos conseguir máis. Contamos convosco para continuar medrando, non só no número de fondos, senón tamén na información relativa aos xa existentes Entre todos e todas honramos o noso pasado, traballamos no noso presente e construímos o noso futuro.

  • client-logo
  • client-logo